A cara "B" da música, na cara "B" da radio # The "B" side of music, on the "B" side of radio. Conducted by: André C. Pastor —Pequeno Monstro—.

xoves, 18 de febreiro de 2021

Trajedesaliva - Ultrabumba (2021). Reseña

Trajedesaliva
 

Interrompemos este silencio para falar do novo disco de Trajedesaliva, Ultratumba (áMarxe, Ferror Rcds, Gradual Hate Rcds, 2021), quinto na súa agochada carreira discográfica.


Trajedesaliva son Mon Ninguén e unavena, galegos de orixe extramundana sen pretensións de transcendencia, como pode tirarse dos seus alcumes.

Tiven a sorte de coñecelos e entrevistalos en Divertimento para pequenos monstros na etapa de Radio Fene, en febreiro de 2001, hai agora vinte anos, onde falamos dos seus primeiros traballos: El Cuerpo y la Ciudad (Splat, 1999) e Mima (Free Rcds, 2000).

A agardada publicación de Ultratumba cadróume co visionado do filme Aguirre, a ira de Deus (Wermer Herzog, 1971) coa impactante música de Popol Vuh, polo que as conexións foron ineludibles. Si ben a asociación da música de Trajedesaliva co dark ambient é obvia, a acertadísima elección da electrónica analóxica e o seu tratamento nos retrotrae ao krautrock (kosmiche musik), nomeadamente, Cluster e Harmonia de Hans-Joachim Roedelius, Dieter Moebius e Michael Rother.

Ultratumba é un traballo conceptual, na liña dos xa publicados polo dúo. A súa principal diferenza é que está realizado con electrónica analóxica, a golpe de pinceladas emocionais, solemnidade e escura beleza, administradas coa mestría adquirida polo dúo durante moitos anos na trastenda da industria musical española e mundial.

O traballo está dividido en dúas metades, que paso a diseccionar:

1. Todo era blanco.

Breve melodía repetitiva a xeito de sintonía. Un fondo de órgano trasládanos a nunha catedral submerxida. Contida pulsación. É tan só o principio.

2. A casa por las vías.

Tras unha breve introdución instrumental, primeiro texto e narración de unavena: "Aquí nace y muere mi luna, ya podemos quemar los campos...". Logo dun desenrolo instrumental, que parece desatarse, regresa a contención.

3. Familia Ferro.

Breve intro instrumental que pronto descubre a peza máis industrial do álbum. Siderurxia emocional. Segundo texto de unavena: "Una fachada de ocho cortes, un escondrijo, otro idioma, una canción..."

4. Arenas calientes.

Tras unha breve melodia repetitiva, aparece un colchón de electrónica analóxica que ben poderían ser coros... de Ultratumba. Cara o final da peza aparécese, esta vez susurrante, a voz e textos de unavena: "Al pequeño y a mi nos gusta pensar que, de vez en cuando, los cadáveres salen de la tumba con una capita de estrella en los brazos, un sol nuevo....". Inquedante.

5. Mamá es un animal morado.

A segunda parte de Ultratumba comeza cunha melodía que nos introduce nesa emoción contida que, posiblemente, defina o estado anímico deste ser latente. Na miña opinión estamos diante dunha peza de arrebatadora beleza, conmovedora. A inspirada música e certera execución de Mon Ninguén, en sintonía cos textos e voz de unavena, semellan en estado de graza: "Mamá es un animal morado. Es un espacio ancho, abierto... oscuro".

6. Mammillaria sempervivi.

Co nome deste captus de crecimento lento, continúan Trajedesaliva na liña da anterior peza. De novo os preciosos textos de unavena, contados desde as entrañas: "Por el canal de tu pecho bajan treinta que se hacen la cama con tu pelo, alga, hilo y lino de laguna...". Precioso. Despois, un breve latido percutivo, dos máis evidentes do álbum, onde os ritmos son administrados por Mon Ninguén con precisión cirurxá. Debín sentir algo así cos primeiros New Order trala caída de Joy Division (The Him -Movement, 1981).

7. Queremos verte.

Un órgano electrónico ilumina a escena a xeito introdutorio do seguinte episodio desta Ultratumba contada por unavena: "Sal mamá, queremos verte, ven al río que hace bueno..." A peza, a diferenza das restantes, remata abrutamente, deixando un silenzo que será roto no seguinte dos cortes cunha sentenza demoledora...

8. Ultratumba.

"Mi madre en el fondo se rompió. Una parte subió al cielo, la otra no". Coa sentida voz de unavena, a xeito de epílogo, da comezo a última peza de Ultratumba, a máis longa do traballo (6:30). Tras un desenrolo de máis de dous minutos, unha melodía aparécese minimal, evocadora. De novo ambientes que nos retrotraen aos Cluster de Roedelius. Logo de leves pinceladas percutivas, regresamos á catedral do órgano submerxido na que comezabamos esta viaxe... Antes de que todo termine, a sentencia demoledora volve conmocionarnos. Unha marabilla.

En definitiva, Ultratumba é o traballo máis elaborado de Trajedesaliva, concebido sen concesións comerciais, tras un proceso lento e baixo un especial estado de ánimo que, sen dúbida, logran transmitir á súa pequena pero grande lexión de seguidores. Unha marabilla cuxa escoita é recomendábel racionar dada a súa alta voltaxe emocional.

Mon Ninguén, unavena, grazas por (r)existir.

___________________________
André C. Pastor —Pequeno Monstro—.
Condutor en: Off Mental / 80 Vinilos/h / Divertimento para pequenos Monstros.
Produtor/coeditor en: Producións/Edicións Imaxinarias.

Enlace relacionado: entrevista a Trajedesaliva en DarkValencia: http://darkvalencia.com/entrevista-trajedesaliva-ultratumba-2021/

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...