A cara "B" da música, na cara "B" da radio # The "B" side of music, on the "B" side of radio. Conducted by: André C. Pastor —Pequeno Monstro—.

Amosando publicacións coa etiqueta En concerto. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta En concerto. Amosar todas as publicacións

xoves, 2 de maio de 2013

Concerto KEPA JUNKERA & LA MUSGAÑA (Toxos e Froles. Ferrol, 27/04/2013)

Cataz do evento


Concertos celebrados o pasado sábado 27 de abril de 2013 en Ferrol, dentro das Xornadas Culturais Abertas que está a organizar o Toxos e Froles. O evento, de entrada libre e gratuita, tivo unha grande acollida de público, ficando moitas persoas fóra da sá.

Descoñezo porque este concerto non se celebrou no Teatro Jofre, pois tivera sido o marco máis axeitado, sobre todo logo de constatarse que o local de Toxos quedou pequeno. Non sei se o edil de Cultura ten álgun problema con Kepa Junkera... tendo en conta os antecedentes deste individuo (do edil). En todo caso no cartaz que anuncia este evento figura coma colaborador o Concello de Ferrol o cal é esperanzador.

Nunca cidade tan falta dunha programación cultural en consonancia coa súa masa social é de subliñar o esforzo de Toxos e Froles canto a programación destas Xornadas Culturais Abertas, donde até o neno que aparece en varias ocasións na gravación advertindo aos seus pais "que non lle gusta nada e que quere marchar xa", agradecerá toda a súa vida ter ouvido algo diferente ao habitual.

Canto aos artistas, Kepa Junkera únicamente acompañado pola súa "infernal" trikitixa, veu de actúar por vez primeira na cidade de Ferrol, inda que como el mesmo di na gravación, hai moitos anos xa foi convidado "a actuar" polo Estado, mais declinou o convite... Que un artista coma Kepa Junkera pise por vez primeira un cenario da nosa cidade, logo de máis de 25 anos de traxectoria, só pode tomarse con muito humor... Afortutadamente si é un habitual nos diferentes festivais de música folk que no vrao se celebran na nosa contorna.

Pola súa banda, Carlos Beceiro, un dos integrantes-fundadores de La Musgaña é orixinario de Narón, na nosa comarca, polo que houbo tempo para a lembranza... Entre el e máis Jaime Muñoz, a outra metade do dúo que conforma hoxe La Musgaña, apresentaron o seu último álbum, "Entre dos".

A toma de son desta gravación é do son ambiente, mais penso que a cualidade é axeitada para compartillala neste blog, se os autores das obras non teñen inconveniente, claro...


Concerto de Kepa Junkera.

Concerto de La Musgaña (con intervención de Kepa Junkera ao final).

domingo, 6 de maio de 2012

Diálogos 3 (Radio 3-RNE) - EUGENE FRIESEN - Earth Requiem

Eugene Friesen

Seguimos a dixitalizar edicións de DIÁLOGOS 3 [Rádio 3-RNE], apresentadas e dirixidas por Ramón Trecet.

Nesta ocasión especial audución da misa Earth Requiem [Stories of Hope], composta polo violonchelista do Paul Winter Consort, EUGENE FRIESEN, gravada no ano 1992, mais nunca comercializada.

Esta gravación foi efectuada en directo nunha pequena igrexa de Durham en Carolina do Norde [EE.UU] no ano 1992, sendo actualmente inédita discograficamente. No transcorrer do programa, Ramón Trecet comenta que esta gravación lle foi achegada polo propio Friesen en formato cinta ao pouco tempo de ser gravada.

Nesta audición ouviremos ao propio Eugene Friesen no violoncelo, acompañado polo coro habitual da Catedral St. John the Divine [NYC] dirixido por Paul Halley quen tamén toca o piano, ademáis de Glen Vélez á percusón e outros músicos habituais do Paul Winter Consort.

Eugene Friesen naceu en 1952. Graduado na Yale School of Music, forma parte do Paul Winter Consort dende o ano 1978. Ademáis é parte da formación Trio Globo, xunto a Howard Levy e Glen Vélez; por outra banda, é profesor asociado do Berklee College of Music en Boston, Massachusetts. Actualmente vive en Vermont coa súa dona, Wendy, e o seu fillo.

Eugene Friesen, xunto a súa dona, é propietario dunha produtora sen ánimo de lucro, Sonoterra Productions.

Ademáis da súa participación creativa en moitos dos trabalos do Paul Winter Consort, a produción musical de Eugene Friesen, en solitario ou a xeito de colaboracións, é a que segue:

En solitario:
  •  Arms Around You [Living Music, 1989]
  •  The Song of Rivers [Fiddle Talk Music, 1998]
  •  In the Shade of Angels [Fiddle Talk Music, 2003]
  •  Sono Miho [Fiddle Talk Music, 2005]
  •  Pure Water, Potry of Rumi con Coleman Barks [Fiddle Talk Music], 2008]
  •  Colorful Trasitions, 2009
Co pianista Paul Halley:
  •  New Friend [Living Music, 1986]
Coa banda de "metal" Dream Theater:
  •  Vacant [Dream Theater´s Train of Thought, 2003]
Sintonizamos. Ano 1993, Radio 3, Diálogos 3. Conduce: Ramón Trecet. Misa Earth Requiem [Stories of Hope] composta no ano 1992 por Eugene Friesen, gravada tal e como ouviredes neste audio, mais, nunca publicada discográficamente.

domingo, 29 de abril de 2012

PAUL WINTER CONSORT - Palacio de Congresos y Exposiciones de Madrid - 25/01/1991 (Radio 3-RNE)

Paul Winter Consort

Rescatado dunha vella cita de casete do arquivo sonoro de o Pequeno Monstro, aquí temos un dos primeiros concertos no Estado español da formación de world-music, PAUL WINTER CONSORT, celebrado no Palacio de Congreso e Exposiciones de Madrid o venres 25 de xaneiro de 1991, según a retransmisión en directo de Radio 3 [RNE], ese mesmo día.

O concerto foi organizado polo Club de Música e Jazz San Juan Evangelista e etiquetado pola organización coma "New Age", dentro dunha xira que, aquel ano, o levaría por diversas cidades do Estado, incluido o país galego, Compostela.


Os comentarios, durante aquela retransmisión, foron realizados por José Miguel López [Discópolis], dende no propio concerto e por Jesús Ordovás [Diario Pop], dende os estudios de Radio 3 [RNE]. Unha estrana conxunción de locutores...


Naquela ocasión o Paul Winter Consort estaba conformado por:

  •  Paul Winter, saxo soprano.
  •  Paul Halley, piano.
  •  Eugene Friesen, violonchelo.
  •  Rhonda Larson, frauta.
  •  Glen Vélez, percusón.

Con respeito da catalogación da música de Paul Winter coma "New Age", no transcurso dunha charla-coloquio organizada polo Club Musical Delta da Universidade Politécnica de Madrid [UPM] poucos días antes do concerto, transcrita no fanzine En Cintas Vírgenes [marzo de 1991], o propio Paul Winter comenta o que de seguido transcribimos:

"Onde quixer que haxa unha nova tendencia en EE.UU o negocio da música comercial aparece. No transcurso dos 25 anos que levo fazendo música, vin nacer ao redor de dez ou doce etiquetas diferentes para catalogar un tipo de música, do mesmo xeito que as vin desaparecer. É moi difícil que unha etiqueta describa correctamente un tipo de música. Normalmente non me importa como a xente chame a miña música mentres a escoite. Se hai unha etiqueta que particularmente impide escoitar a nosa música preferimos que non nola atribúan. New Age, en EE.UU, convertiuse nunha etiqueta asociada coa música creada ´nas nubes´, e nós, que sempre fixemos reverencia a Terra (Gaia), as raigumes, preferimos chamala Earth Music. Ao sermos unha banda acústica temos características especiais, pois a música electrónica dominou claramente a cultura occidental nos últimos 20 anos. Cando a xente escoita a nosa música acústica pensa que ouven algo novo e conclúen que como tocamos música acústica durante 25 anos, debemos ser os inventores da New Age music, mais, eu digo que os instrumentos acústicos levan sobre a faz da terra milleiros de anos e nós non os inventamos (..)".

O Paul Winter Consort é unha formación multicultural fundada no ano 1967, liderada polo saxofonista e destacado activista medioambiental Paul Winter [Altoona, Pennsylvania, 1939]. O grupo mistura elementos da música de cámara, jazz e world-music, así como vozes de animais [lobos, baleas...] e da natureza. Ao longo dos anos pasaron pola formación outros músicos, que conformaron o denominado Consort: David Darling, Paul Mc Candless, Ralph Towner, Glen Moore, Collin Walcott [todos estes tambén integrantes da formación de Jazz Fusión OREGÓN], Nancy Rumbel, Jim Scott, Russ Landau, Susan Osborn, Oscar Castro-Neves, Nóirín Ni Riain, Davy Spillane... Moitos deles gravaron para o selo Living Music, creado polo propio Paul Winter para a auto edición dos seus traballos.

Nestoutro enlace atoparedes unha crónica daquel concerto publicada no diario El País: http://elpais.com/diario/1991/01/27/cultura/664930804_850215.html


Sintonizamos. Paul Winter Consort no Palacio de Congresos y Exposiciones de Madrid tal como o retransmitiu Radio 3 ese mesmo día, 25 de xaneiro de 1991.


Imaxe do Tiquet entrada orixinal concerto Paul Winter Consort, Palacio Congresos, Madrid, 25/01/1991, tirada do blogue: http://rogicas.blogspot.com.es/1991/01/paul-winter-consort-en-el-palacio-de.html.

martes, 27 de marzo de 2012

NIGHTNOISE - Concerto no Teatro Calderón de Valladolid (23/04/1991)]

Formación orixinal de Nightnoise

Non se trata exactamente dunha edición especial de DIÁLOGOS 3, mais si dun concerto do cuarteto de Oregón, NIGHTNOISE celebrado no Teatro Calderón de Valladolid o 23 de abril de 1991, retransmitido por Radio 3 [RNE] e apresentado e comentado por Ramón Trecet, unha noite dese mesmo ano.

É dicer, que sigo a recuperar alfaias do meu arquivo sonoro, antes de que o tempo acabe por destruir o contiúdo rexistrado neses "artiluxios sonoros" tan entrañábeis [as cintas de casete], que como sabedes xa non se fabrican e das que se veñen de cumprir 50 anos da súa invención.

Aquela noite do 23 de abril de 1991, no Teatro Calderón de Valladolid, o público asistiu a nun dos concertos da, daquela, segunda xira polo Estado español do cuarteto orixinal irlandés-estadounidense:

  • Tríona Ní Dhomhnaill [piano e voz].
  • Billy Oskay [violín e viola].
  • Brian Dunning [frautas].
  • Mícheál Ó’Domhnaill [guitarra].

Como curiosidade, algúns anos despois este mesmo concerto, volveu emitirse en Radio 3 coincidindo coa morte dun dos fundadores de Nightnoise, o guitarrista irlandés Mícheál Ó’Domhnaill [fallecido o 8 de xullo de 2006 aos 54 anos de idade]. Ista re-emisión aconteceu o 15 de xullo de 2006, no programa Músicas Posíbles [Radio 3] de Lara López. Esoutra gravación pode atoparse neste enlace.

O que ides atopar aquí non ten nada que ver con esa re-emisión. É a emisión orixinal do ano 1991, poco despois do concerto, presentada e comentada por Ramón Trecet e da que non teño atopado ningún outro enlace na rede, polo que pode que sexa unha rareza.

A gravación do concerto, tal cual a emisión, dura uns 60 m. Cara o minuto 28 da gravación hai unha interrupción dus segundos debido ao cambio de lado da cinta casete. Procuro non editar máis do necesario o audio orixinal para que o que escoitedes teña a máxima cualidade posíbel.


Video: Nightnoise en Sevilla en 1990, un ano antes que en Valladolid.

Imaxe (2): folleto e ticket de entrada a concerto Valladolid, tirada de: http://rogicas.blogspot.com.es/1991_04_01_archive.html
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...